Exposición: Cartas ao mar de NESTOR GOYANES (Vello Cárcere de Lugo)

Exposición Cartas ao mar de Néstor Goyanes

Lugar: Vello Cárcere de Lugo

Data inauguración: 29 de maio

Hora: 19:30 h 

O vindeiro 29 de maio ás 19:30 h, a sala de exposicións do Vello Cárcere de Lugo acollerá a inauguración da mostra Cartas ao Mar, unha escolma de gravados do artista arxentino Néstor Goyanes.

A exposición, que forma parte dos fondos da Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital de Ribeira, chega a Lugo promovida polo Consulado Xeral da República Arxentina en Galicia coa colaboración da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.

Comisariada por Xan Leira e Xoán Pastor Rodríguez Santamaría, Cartas ao Mar ofrece un percorrido visual e emocional pola experiencia migratoria. A través de técnicas como a xilografía, a litografía ou o colaxe, Goyanes dá forma a un universo íntimo onde conflúen recordos, documentos, imaxes e sentimentos compartidos por milleiros de familias galegas que viviron a emigración.

Néstor Goyanes é un artista cunha longa traxectoria nas artes plásticas arxentinas e internacional, tamén, é impulsor de numerosas iniciativas de promoción do gravado, entre elas salienta a creación do Mini Print Internacional Galicia, promovido pola Asociación Taller Experimental de Obra Múltiple Contamporánea, de Vilariño, Cangas do Morrazo. Nado en Bos Aires en 1960 e descendente de galegos, o autor transforma elementos cotiáns como sobres, cartas ou fotografías en pezas cargadas de significado. Nas súas obras resoan ecos dun pasado colectivo, cunha mirada que conxuga memoria persoal e identidade cultural. A mostra interpela ao público sobre o sentido de pertenza, a raíz e o vínculo emocional co país de orixe.

“Sen memoria, que somos?”, reflexiona Goyanes. “Creo que a identidade constrúese a partir dos recordos e das emocións que nos acompañan. No proceso artístico, máis alá da técnica, é fundamental ter algo que contar, algo que nos mova por dentro”.

A exposición poderá visitarse do 29 de maio até o 31 de xullo de 2025 nos horarios habituais do Vello Cárcere. Unha oportunidade única para achegarse, a través da arte, a unha parte esencial da historia galega e arxentina.

Conferencia. ISAAC DÍAZ PARDO. Memoria do compromiso

Dende a dirección do Museo do Gravado, en nome do Presidente da FMAG, D. Luís A. Pérez Barral e do vicepresidente, D. Javier Expósito Paradela, queremos convidar a vostede á conferencia “Isaac Díaz Pardo. Memoria do compromiso» de Xosé Ramón Fandiño, que terá lugar o xoves, 8 de maio, ás 20.00 h na sala 1 do Museo do Gravado.

Conferencia: “Isaac Díaz Pardo. Memoria do compromiso»

Relator: Xosé Ramón Fandiño

Data: 8 de maio de 2025

Hora: 20.00 h 

Lugar: Sala 1 do Museo do Gravado

Haberá transporte gratuíto desde Ribeira. Saída: 19.00 h. Regreso: 21.00 h
Reservas para o autobús: normalizacion@ribeira.gal