EXPOSICIÓN: I e IV SIMPOSIUM INTERNACIONAL DE OFFSET DE ARTE
Dende a dirección do Museo do Gravado, en nome do Presidente da FMAG, D. Luís A. Pérez Barral e do vicepresidente, D. Javier Expósito Paradela, queremos convidar a vostede á inauguración da exposición I e IV SIMPOSIUM INTERNACIONAL DE OFFSET DE ARTE, que terá lugar o venres, 27 de xuño, ás 20.30 h na sala 2 do Museo do Gravado.
O Museo do Gravado ofrece a exposición I e IV Simposium Internacional Offset de Arte, que amosa a investigación e progreso do offset na realización de traballos orxinais nunha técnica descuberta en 1904 por W. Rubel que melloraba a técnica litográfica que Alois Senefelder descubrira en 1796 e que Brisset perfeccionara en 1833.
En total podemos admirar a obra de vintecinco artistas internacionais, á que se unen dúas obras e unha matriz orixinal de Doroteo Arnáiz que se realizaron para o II e III Simposio Internacional Offset de Arte realizado en Portugal (1991) e Canadá (1994). Diferentes xeitos de enfrontar as técnicas do offset, variadas sensibilidades artísticas que nos mostran as grandes posibilidades dunha técnica case contemporánea e que non desmerecen en creatividade e rigor técnico doutras técnicas máis tradicionais.
A litografía e o offset estiveron sempre en evolución, engadindo novidades técnicas que permiten o emprego do raio láser, do ordenador e a dixitalización para elaborar matrices. Lembraba Juan Genovés, presente na mostra, que a arte comeza dende abaixo e que a técnica do offset achega a arte a un público moi numeroso. Polo demais, por riba da técnica están a creatividade, o talento, a sensibilidade dos artistas pois, como lembra Joseph Guinovart, na arte non existe o progreso xa que as novas técnicas non supeditan a creatividade artística individual nin a mirada nova e persoal sobre o mundo, propias de cadansúa obra.
Nesta exposición podemos aprezar a sensibilidade e a creatividade de artistas xa consagrados como Doroteo Arnáiz, Bien, Bigi, Calapez, Dacos, Gaube, Doome, Dupont, Genovés, Guinovart, Heiskanen, Matta, Mendes, Pellerin, Pignon, Philippe, Point, Rousseff, Salinas, Silva, Sohier, Vandeloise, Vassilikian, Vlerick e Yamamoto.Unha festa internacional de creatividade, de rigor, de pluralidade, de sensibilidade. Unha viaxe a través dunha técnica que permite a experimentación, mais que non mata a creatividade. Un orgullo para o Museo do Gravado poder dar a coñecer a obra de tantos artistas de calidade.
Data inauguración: 27 de xuño de 2025
Hora: 20.30 h
Lugar: Sala 2 do Museo do Gravado

