Exposición: Cartas ao mar de NESTOR GOYANES (Vello Cárcere de Lugo)
Exposición Cartas ao mar de Néstor Goyanes
Lugar: Vello Cárcere de Lugo
Data inauguración: 29 de maio
Hora: 19:30 h
O vindeiro 29 de maio ás 19:30 h, a sala de exposicións do Vello Cárcere de Lugo acollerá a inauguración da mostra Cartas ao Mar, unha escolma de gravados do artista arxentino Néstor Goyanes.
A exposición, que forma parte dos fondos da Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital de Ribeira, chega a Lugo promovida polo Consulado Xeral da República Arxentina en Galicia coa colaboración da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.
Comisariada por Xan Leira e Xoán Pastor Rodríguez Santamaría, Cartas ao Mar ofrece un percorrido visual e emocional pola experiencia migratoria. A través de técnicas como a xilografía, a litografía ou o colaxe, Goyanes dá forma a un universo íntimo onde conflúen recordos, documentos, imaxes e sentimentos compartidos por milleiros de familias galegas que viviron a emigración.
Néstor Goyanes é un artista cunha longa traxectoria nas artes plásticas arxentinas e internacional, tamén, é impulsor de numerosas iniciativas de promoción do gravado, entre elas salienta a creación do Mini Print Internacional Galicia, promovido pola Asociación Taller Experimental de Obra Múltiple Contamporánea, de Vilariño, Cangas do Morrazo. Nado en Bos Aires en 1960 e descendente de galegos, o autor transforma elementos cotiáns como sobres, cartas ou fotografías en pezas cargadas de significado. Nas súas obras resoan ecos dun pasado colectivo, cunha mirada que conxuga memoria persoal e identidade cultural. A mostra interpela ao público sobre o sentido de pertenza, a raíz e o vínculo emocional co país de orixe.
“Sen memoria, que somos?”, reflexiona Goyanes. “Creo que a identidade constrúese a partir dos recordos e das emocións que nos acompañan. No proceso artístico, máis alá da técnica, é fundamental ter algo que contar, algo que nos mova por dentro”.
A exposición poderá visitarse do 29 de maio até o 31 de xullo de 2025 nos horarios habituais do Vello Cárcere. Unha oportunidade única para achegarse, a través da arte, a unha parte esencial da historia galega e arxentina.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir