Conferencia Carlos L. Bernárdez
Francisco Miguel e a necesaria recuperación da memoria artística de Galicia

Francisco Miguel e a necesaria recuperación da memoria artística de Galicia


















Dende a dirección do Museo do Gravado, en nome do Presidente da FMAG, D. Luís A. Pérez Barral e do vicepresidente, D. Javier Expósito Paradela, queremos convidar a vostede á inauguración da exposición I e IV SIMPOSIUM INTERNACIONAL DE OFFSET DE ARTE, que terá lugar o venres, 27 de xuño, ás 20.30 h na sala 2 do Museo do Gravado.
O Museo do Gravado ofrece a exposición I e IV Simposium Internacional Offset de Arte, que amosa a investigación e progreso do offset na realización de traballos orxinais nunha técnica descuberta en 1904 por W. Rubel que melloraba a técnica litográfica que Alois Senefelder descubrira en 1796 e que Brisset perfeccionara en 1833.
En total podemos admirar a obra de vintecinco artistas internacionais, á que se unen dúas obras e unha matriz orixinal de Doroteo Arnáiz que se realizaron para o II e III Simposio Internacional Offset de Arte realizado en Portugal (1991) e Canadá (1994). Diferentes xeitos de enfrontar as técnicas do offset, variadas sensibilidades artísticas que nos mostran as grandes posibilidades dunha técnica case contemporánea e que non desmerecen en creatividade e rigor técnico doutras técnicas máis tradicionais.
A litografía e o offset estiveron sempre en evolución, engadindo novidades técnicas que permiten o emprego do raio láser, do ordenador e a dixitalización para elaborar matrices. Lembraba Juan Genovés, presente na mostra, que a arte comeza dende abaixo e que a técnica do offset achega a arte a un público moi numeroso. Polo demais, por riba da técnica están a creatividade, o talento, a sensibilidade dos artistas pois, como lembra Joseph Guinovart, na arte non existe o progreso xa que as novas técnicas non supeditan a creatividade artística individual nin a mirada nova e persoal sobre o mundo, propias de cadansúa obra.
Nesta exposición podemos aprezar a sensibilidade e a creatividade de artistas xa consagrados como Doroteo Arnáiz, Bien, Bigi, Calapez, Dacos, Gaube, Doome, Dupont, Genovés, Guinovart, Heiskanen, Matta, Mendes, Pellerin, Pignon, Philippe, Point, Rousseff, Salinas, Silva, Sohier, Vandeloise, Vassilikian, Vlerick e Yamamoto.Unha festa internacional de creatividade, de rigor, de pluralidade, de sensibilidade. Unha viaxe a través dunha técnica que permite a experimentación, mais que non mata a creatividade. Un orgullo para o Museo do Gravado poder dar a coñecer a obra de tantos artistas de calidade.
Data inauguración: 27 de xuño de 2025
Hora: 20.30 h
Lugar: Sala 2 do Museo do Gravado

Exposición Cartas ao mar de Néstor Goyanes
Lugar: Vello Cárcere de Lugo
Data inauguración: 29 de maio
Hora: 19:30 h
O vindeiro 29 de maio ás 19:30 h, a sala de exposicións do Vello Cárcere de Lugo acollerá a inauguración da mostra Cartas ao Mar, unha escolma de gravados do artista arxentino Néstor Goyanes.
A exposición, que forma parte dos fondos da Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital de Ribeira, chega a Lugo promovida polo Consulado Xeral da República Arxentina en Galicia coa colaboración da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.
Comisariada por Xan Leira e Xoán Pastor Rodríguez Santamaría, Cartas ao Mar ofrece un percorrido visual e emocional pola experiencia migratoria. A través de técnicas como a xilografía, a litografía ou o colaxe, Goyanes dá forma a un universo íntimo onde conflúen recordos, documentos, imaxes e sentimentos compartidos por milleiros de familias galegas que viviron a emigración.
Néstor Goyanes é un artista cunha longa traxectoria nas artes plásticas arxentinas e internacional, tamén, é impulsor de numerosas iniciativas de promoción do gravado, entre elas salienta a creación do Mini Print Internacional Galicia, promovido pola Asociación Taller Experimental de Obra Múltiple Contamporánea, de Vilariño, Cangas do Morrazo. Nado en Bos Aires en 1960 e descendente de galegos, o autor transforma elementos cotiáns como sobres, cartas ou fotografías en pezas cargadas de significado. Nas súas obras resoan ecos dun pasado colectivo, cunha mirada que conxuga memoria persoal e identidade cultural. A mostra interpela ao público sobre o sentido de pertenza, a raíz e o vínculo emocional co país de orixe.
“Sen memoria, que somos?”, reflexiona Goyanes. “Creo que a identidade constrúese a partir dos recordos e das emocións que nos acompañan. No proceso artístico, máis alá da técnica, é fundamental ter algo que contar, algo que nos mova por dentro”.
A exposición poderá visitarse do 29 de maio até o 31 de xullo de 2025 nos horarios habituais do Vello Cárcere. Unha oportunidade única para achegarse, a través da arte, a unha parte esencial da historia galega e arxentina.
Dende a dirección do Museo do Gravado, en nome do Presidente da FMAG, D. Luís A. Pérez Barral e do vicepresidente, D. Javier Expósito Paradela, queremos convidar a vostede á conferencia “Isaac Díaz Pardo. Memoria do compromiso» de Xosé Ramón Fandiño, que terá lugar o xoves, 8 de maio, ás 20.00 h na sala 1 do Museo do Gravado.
Conferencia: “Isaac Díaz Pardo. Memoria do compromiso»
Relator: Xosé Ramón Fandiño
Data: 8 de maio de 2025
Hora: 20.00 h
Lugar: Sala 1 do Museo do Gravado
Haberá transporte gratuíto desde Ribeira. Saída: 19.00 h. Regreso: 21.00 h
Reservas para o autobús: normalizacion@ribeira.gal

O mes de abril comeza da man da Real Academia de Belas Artes coa conmemoración do Día das Artes Galegas que neste ano homenaxea a Isaac Díaz Pardo.
A especialista en Historia da Arte e activista Cultural, Rosario Sarmiento, impartirá unha conferencia o día 24 de abril ás 20.00 h co título «Isaac Díaz Pardo. O pintor que non quixo ser artista» no Museo do Gravado de Artes. O recente nomeamento de Javier Expósito como membro da Real Academia e a existencia do propio museo convidan de xeito especial a que esta homenaxe a Díaz Pardo desde Ribeira se desenvolva en Artes (Ribeira).
Para facilitar a asistencia ao acto habilítase transporte gratuíto desde a Estación de Autobuses de Ribeira, saída ás 19.00 h, pero é condición indispensable reservar praza enviando un correo electrónico a normalizacion@ribeira.gal
Conferencia: «Isaac Díaz Pardo, o pintor que non quixo ser artista». Rosario Sarmiento.
Data: 24/04/2025
Hora: 20.00 h
Lugar: Museo do Gravado de Artes
Haberá transporte gratuíto desde Ribeira. Saída: 19.00 h. Regreso: 21.00 h
Reservas para o autobús: normalizacion@ribeira.gal

O presidente da Fundación Museo de Artes do Gravado e alcalde de Ribeira Luís A. Pérez Barral, comprácese en convidar a vostede ao acto de inauguración da exposición: MIRAR PRO FONDO. LEONARDO RIAL, que terá lugar o venres, 11 de abril, ás 20.30 h no Museo do Gravado de Artes, Ribeira (A Coruña).
Ribeira, abril de 2025.

